Pesca

O coto de Ribeiras do Sor foi creado no ano 1956 polo xa extinto Servizo Nacional de Pesca Fluvial e Caza, establecendo o seu límite superior na Presa da Tronca (presa de Rafael) e o seu límite inferior na ponte de Riberas. Abriuse á pesca como coto o 3 de marzo de 1957. Na actualidade, tras sufrir diversas modificacións nos seus límites, mantén unha lonxitude de 8,1 km., sendo o seu límite superior á confluencia do arroio Panda e o inferior na Ponte de Ribeiras; na súa parte media existe un pequeno vedado de 400 m ao pé das presas de Ulló e Rafael.  

É un coto ben dotado de infraestruturas. Na súa parte superior atópase o Refuxio de Pescadores de Ulló, construído a finais dos anos 60 e hoxe transformado en Centro de Precintaxe de Reos, capturadeiro e un pequeno laboratorio de incubación e alevinaxe, onde todos os anos se producen en torno aos 40.000 ovos de reo que se sementan nos pequenos arroios tributarios do coto e zonas libres de parte media do río (captúranse os reos cando soben a criar río arriba, retéñense tres meses e sóltanse para poboar o río).

Dende o refuxio unha pista percorre toda a marxe dereita do río ata a zona libre. Na súa parte alta encontramos a ponte colgante de Fritido construída no ano 1973 e nos tramos medio e baixo podemos gozar dunha pequena obra de enxeñería, única nos cotos da provincia: as telecadeiras de Alvariños e de Muiños Vellos que nos axudarán a cruzar o río.

O coto foi creado coa categoría de salmoneiro, sendo esta a especie principal, mais foi desaparecendo pouco a pouco das augas do Sor. Outras especies que se poden pescar no río son o reo e a troita.

Compartir: